|
Os procesos de avaliación, deben aplicarse ós docentes e mesmo á materia en si, non só ós alumnos.
Con esta finalidade formúlase unha análise dos resultados acadados polo alumnado durante a proba de avaliación empregada na materia de Marcos de Desenvolvemento (Grao en Enxeñaría Informática – Facultade de Informática). O exame é de resposta múltiple (4 opcións por pregunta, só unha válida e restando puntos as respostas erróneas). Os exames analízanse en dúas ramas: por unha banda, estúdanse as taxas de acerto/fallo/en branco de cada unha das preguntas; por outra, a porcentaxe de opcións (a,b,c,d, branco) en cada pregunta.
Este sinxelo estudo, automatizado mediante o emprego dunha folla de cálculo, permite, non obstante, obter interesantes conclusións:
1) Detecta ambigüidades ou erros na formulación das preguntas que, polo xeral, se derivan nunha elevada porcentaxe de respostas en branco.
2) Detecta lagoas de coñecemento nalgunha das áreas da materia, que orixinan preguntas cunha elevada taxa de erros. Cada pregunta está asociada a un bloque teórico, polo que se podes establecer en qué aspectos os alumnos presentan máis ou menos coñecementos.
Ambos aspectos poden ser empregados para detectar erros na formulación da materia e/ou
exame e facer posible así a definición de plans de mellora de cara ós vindeiros cursos
académicos.
|